En pleno día de San Valentín, Santo Antonio de Louredo revoluciónase cando Puri atopa unha muller aparentemente morta na praia. A noticia corre como a pólvora e ata alí desprázase media parroquia. A sorpresa chega cando a muller se ergue e, ante a atónita mirada dos presentes, íspese e corre a bañarse coma se dunha serea se tratase.
Tal falta de pudor por parte da muller misteriosa desatará os celos das beatas tanto como a atención dos homes, especialmente a de Urbano, o policía local. Este será o encargado de custodiar a fermosa moza ata aclarar o sucedido.
Namentres, cada parella intentará celebrar o día dos namorados como mellor poida. Nunha data tan delicada non faltará quen se busque un problema por un agasallo desacertado ou un esquecemento imperdoable; tampouco quen dea coa maneira perfecta de facer saber ao outro o moito que lle importa.
En canto a Horacio, Amelia seguirá sendo o centro da súa preocupación, agora que saben que debe ser sometida a unha operación complicada e podería perder a vista.