Os veciños de Louredo asisten atónitos á presentación dun Rodrigo, o novo cura, totalmente descoñecido, debido a que o párroco, despois de recibir as críticas dos fregueses polo seu carácter arisco, decidiu converterse nun home novo, accesible e sempre disposto a botar unha man; a obsesión por quedar ben e prestar servizo a todos chega a tal punto que os veciños comezan a fartarse dunha actitude tan servil. Amais, Rodrigo decidiu que non hai nada mellor que unha gaita para amenizar unha misa, así que agora as bromas son que, en vez dun cura bailarín, teñen un cura “sopra gaitas”.
Namentres os veciños se entreteñen en contraatacar cun plan para boicotear as actuacións do cura na igrexa, chegan noticias moi preocupantes de Malí, onde unha epidemia de malaria atemoriza a poboación e Horacio Casares está na zona afectada; sen que sirva de precedente, Delmiro e Rodrigo unirán os seus esforzos para transmitirlles aos veciños que se esquezan de enredos e se conciencien con este drama en terras africanas, onde están morrendo embarazadas e nenos a causa dunha enfermidade que ten cura en terra de ricos.