Esta noite, a vila de Santo Antón de Louredo sufrirá unha estraña histeria colectiva e verá como as mulleres converten a praza da vila nun auténtico campo de batalla debido ás patacas que vende Puri, que parece que están moito máis ricas que as que vendía Lidia.
O certo é que a polémica veciña comercia con patacas correntes que mete en sacos da denominación de orixe "Pataca de Galicia" para que parezan de primeira calidade. A guerra comeza cando Lidia, alarmada pola caída das vendas das súas patacas, descobre a verdadeira orixe do produto que vende Puri. Mentres tanto, Delmiro, farto coma tantos outros homes da vila de comer as patacas que as súas mulleres se empeñan en mercar, atende outras preocupacións, xa que parece que Titán Segundo se impuxo a Cochinín no corazón de Moncha, a dona do alcalde, aínda que o primeiro edil non se resigna á derrota do seu candidato a mascota.
De momento, Titán Segundo, o lulú pomerania ao que Delmiro chama "chihuahua de palleiro", vive na residencia do alcalde como un auténtico capitalista...