Moncha está arrepentida por provocar a recaída de Elsa no xogo. Como ela mesma recoñece, levou á súa amiga "polo camiño do pecado e a perdición". A propósito da adicción da pastora ás competicións, a muller do alcalde aproveitouse da súa condición para vingarse de Lidia, gañadora ata o momento da liga de xogos tradicionais do concello. A fera foi liberada e o futbolín do local social está que arde.
Pola súa banda, Sindo fai o que pode para evitar que o bar se vaia a pique. A ausencia da súa muller, brazo forte do negocio, propiciou todo tipo de picarescas entre a clientela e, a pesar de que o local está cheo de xente, cada vez entra menos diñeiro na caixa.
E, mentres Elsa tumba, un tras outro, a todos os seus adversarios no terreo de xogo, o concello reséntese das perdas que esta actividade está xerando nas arcas municipais. O local social está permanentemente ocupado e é imposible levar a cabo ningunha outra actividade. E é que a pastora non se aparta dos mandos nin un minuto.
Moncha, presa dos seus remordementos, fará todo o posible por apartar á súa amiga do xogo. Pero a adicción de Elsa irá en aumento e as apostas, para derrotala e botala do futbolín, cada vez serán máis importantes: o bar de Lidia, a boina de Crisanto... e ata o mesmísimo Titán. Será alguén capaz de derrotar á pastora e mandala a casa?