As próximas eleccións municipais están a facer estragos na vila de Santo Antonio de Louredo, sobre todo porque a crise económica ameaza con ser o tema central da campaña e o alcalde Delmiro terá que agudizar o enxeño, máis que nunca, para promover o seu programa político. Pero o que non se pode imaxinar o seu escudeiro, Josito, é ata que punto está disposto a arriscar Delmiro, a quen se lle ocorre a aloucada idea de rifar unha parcela no ceo.
A oferta do político anticlerical escandaliza a algúns veciños, para quen o ceo é un ben que se gaña, e provoca a vinganza de don Crisanto, que vai resucitar o seu partido político, o PCAR, para facerlle fronte a Delmiro nas urnas.
Pero, como a vida continúa, Moncha e Puri, dúas mulleres rivais desde o berce, ven como lles chegou a hora de facer unha fronte común con motivo dos preparativos da que vai ser a voda do ano, a de Fina e Josito, para que custe o que custe sexa pola Igrexa, como Deus manda.