O galán que está a engaiolar os veciños de Louredo prometéndolles salvar a vila e traer a prosperidade é o home que presentou Iria como o pai da criatura que está esperando, despois de que as sospeitas apuntasen cara ao cura, Horacio. Víctor preséntase ante o alcalde como a solución aos problemas económicos que atravesa o concello, que pasaría pola construción dun luxoso centro residencial que enriquecerá a todos os habitantes da vila para maior gloria de Delmiro.
Pero, a pesar de que os veciños de Louredo parecen enganados por semellante galán empresario, o policía local Urbano é o primeiro en desconfiar da cara amable e dos verdadeiros propósitos do descoñecido visitante; outros, como Horacio, tampouco ve con bos ollos a visita inesperada, pero os louredanos cren que a súa suspicacia se debe a unha cuestión de celos.
Na sección "Louredo responde" que precede a cada capítulo, o público poderá saber hoxe, da mesma boca dos protagonistas da serie, os detalles do enfrontamento entre parroquias e onde está a orixe da rivalidade entre Louredo e Tapeirán.