Iria, a mestra embarazada, enfróntase a un gran dilema dentro das aventuras de Louredo porque, ante a polémica suscitada polo seu embarazo, non sabe se quedar na parroquia ou aceptar unha oferta de traballo fóra e poñer terra de por medio, agora que o Padre Horacio parece decidido a seguir coa súa vocación relixiosa. Pero os veciños de Louredo están revolucionados por algo máis, xa que o atractivo Víctor, amais de pai da criatura de Iria, tamén resulta ser un estafador que case termina por custarlles os aforros de toda unha vida. Unha vez detido o galán, quen está no punto de mira de todos é Delmiro, porque pensan que o alcalde podía estar ao tanto do calote, e Moncha como primeira dama, que se verá salpicada polo escándalo sufrindo a censura das amigas. O alcalde intentará limpar a súa imaxe organizando unha puxa pola internet para conseguir fondos con fines sociais.
Con motivo do Ano Xacobeo, desde o bispado requiren a colaboración de Horacio para organizar actividades cos mozos peregrinos en todas as parroquias, un traballo que vai necesitar axuda extra, así que D. Crisanto non dubidará en ofrecerlla.