Debe Delmiro volver ao seu estado natural de “anticlerical radical”? O debate está aberto esta noite en “Padre Casares” e hai opinións para todos os gustos. O que semella claro é que Delmiro está “perigosamente” católico. O que ao principio podía parecer unha bendición, pois o alcalde pacificouse considerablemente, comeza a preocuparlles a algúns dos seus coñecidos. Delmiro cambiou máis do que a algúns lles gustaría e as consecuencias comezan a ser preocupantes.
Así o cre Moncha, a súa muller, que se viu substituída no corazón do seu home polo fervor relixioso. Delmiro quere renunciar aos praceres terreais para ordenarse sacerdote e iso inclúe, por suposto, a renuncia aos vínculos do matrimonio. E se non hai matrimonio, non hai gananciais. É dicir, a primeira dama verase obrigada a buscar un emprego.
Pero para intranquilo Perfecto, que ata sofre de urticaria desde que o fixeron partícipe, baixo segredo de confesión, das artimañas de don Crisanto. Pois el foi quen, coa axuda de Moncha, fixo crer en Deus a Delmiro e a el lle corresponderá, coa axuda de Perfecto, solucionar este entorto.
Mentres tanto, o baleiro de poder parece estar deixando pegada no Concello de Louredo. Maite, alcaldesa accidental da vila, está desbordada polas responsabilidades. Obrigada a delegar a dirección dos cursos en Miñato, levará unha sorpresa cando descubra que no local social xa ninguén fai labores nin manualidades e que o único merengue que ensina Miñato se bate a caldeirazo limpo.