A Galega desvelará esta noite, nun novo capítulo de “Padre Casares” (“A febre da auga”), o segredo de Rodrigo, o novo párroco de Louredo, que esperta sospeitas de todo tipo entre os habitantes da vila, que comproban como o estilo do novo cura dista moito do carácter conciliador de Horacio, o seu antecesor, e está a gañar a pulso a súa fama de rebelde, faltón, irónico e moito máis directo do que a algúns lles gustaría. Namentres, as femias da vila parecen abraiadas co acabado de chegar.
O certo é que Rodrigo consegue converterse no centro de atención dos ruxerruxe da vila e todos están por descubrir o seu pasado escuro, comezando por don Crisanto, que se pregunta que foi a buscar a África un cura con tanta retranca e de que estaría fuxindo. A desconfianza é aínda maior se cabe pois a diplomacia non parece ser o prato forte do crego, despois de terse enfrontado a medio Louredo e incluso terlle dado un puñazo ao alcalde da localidade veciña, Ferráns, que agora chantaxea o sacerdote para conseguir que Louredo pague un novo imposto sobre a auga.
Ante tanta adversidade, Josito, actual alcalde de Louredo, séntese cada vez máis só e soña co regreso do seu anhelado cuñado Delmiro, para que volva de África e poña no seu sitio o alcalde de Ferráns, Bieito.