Era visto que o párroco máis famoso da televisión ía ter moi difícil decidir o seu novo destino e aínda máis buscarlle un substituto para Louredo, onde é tan querido Horacio Casares. Pero chegou a hora de saber quen vai ser o novo cura e como van ser as primeiras reaccións dos habitantes da vila. Coa emisión do capítulo 115 correspondente á novena tempada da serie, “Tí a Malí e eu a Louredo”, os espectadores atoparán algunhas das claves da nova situación.
Santo Antonio de Louredo agarda, con tanta curiosidade como interese, a chegada do novo párroco, procedente de África, polo que os veciños da vila están imaxinando que se trata dun auténtico africano...e case van acertar porque Rodrigo Álvarez, que así se chama, leva un longo tempo na misión de Malí. As apostas sobre como será en realidade o novo cura corren dun lado para outro, se será hippie, moteiro ou bailarín...O certo é que a chegada de Rodrigo promete ser orixinal e a relación que estableza coa nova parroquia pode ser toda unha aventura que está por vir.