O regreso triunfal á alcaldía de Louredo que planea Delmiro, acabado de chegar de África, e os segredos de familia que agocha o novo cura, Rodrigo, sobre a identidade do pai son as tramas principais do novo capítulo de “Padre Casares”, “Traspaso de poderes”, que hoxe poderemos ver cando remate a sección “Louredo responde”, en que os espectadores saberán por que hai nesta vila tantos problemas cos sancristáns.
O segredo de Rodrigo sobre a identidade do pai parece ser un dos mellor gardados de Louredo, se non fose porque o cura llo contou a Sindo, á maneira de “confesión inversa”, e agora o taberneiro garda unha información privilexiada que está desexando contar e espallar por toda a vila, onde xa todos se preguntan que terá o pai de Rodrigo para que este se empeñe en ocultar a súa identidade. O certo é que o pai, unha vez localizado o fillo, vai visitar hoxe Santo Antonio de Louredo.
Namentres, as intrigas políticas de Delmiro parecen marchar segundo o seu plan para reconquistar a alcaldía de Louredo, un terreo que lle deixa moi preparado o propio Josito, a quen o cargo de alcalde o supera.