Aínda que sexa festivo, os seguidores da serie de ficción "Padre Casares" poderán ver unha nova entrega titulada "A verdade faravos libres". En plena ponte da Constitución a parroquia de Louredo é o escenario de dous acontecementos importantes. Por un lado, Delmiro organiza unha conferencia con motivo do aniversario da Carta Magna, e por outro, Don Crisanto celebra a novena da Inmaculada. O enfrontamento entre ambos os dous está servido e ningún deles está disposto a ceder o máis mínimo.
Os veciños terán que decantarse por unha das dúas celebracións, pero non lles vai resultar doado: tanto o alcalde coma o vello párroco valeranse de todas as súas armas para gañar esta guerra. Como de costume, a Horacio tocaralle mediar entre as partes para que non chegue o sangue ao río.