A crise económica azouta Louredo e o seu alcalde busca novas vías de recadación. Mentres, Lidia, desesperada por facer caixa, pon á venda un lote de produtos de alimentación caducados. O engano iráselle axiña das mans e o lote irá parar á beneficencia. Coñecedor dos feitos, Sindo relataralle o delito da súa muller a don Crisanto. A penitencia será dura: reparar o dano e confesar ante os afectados. Pero, como facelo, se nin sequera é capaz de dicirllo á súa muller?
A que non ten ningún propósito de emenda é Lidia, que ademais anda demasiado ocupada nunha particular pelexa con Puri. O motivo é un pedido botado a perder e as consecuencias serán demoledoras.
Pero o máis desfavorecido da vila é Josito, que, incapaz de compartir cama de maneira casta con Maite e levar unha vida psicoloxicamente saudable ao mesmo tempo, verase na rúa e sen un teito que o acubille. Non lle quedará outra ao eterno candidato a funcionario que ocupar o despacho do seu cuñado de maneira clandestina.
Pero axiña Delmiro descubrirá certos indicios que lle farán sospeitar da existencia dun intruso na alcaldía. As pescudas do primeiro edil apuntarán de maneira concluínte cara a Miñato. Reunirá Josito o valor suficiente para confesar que é el quen dorme cada noite no concello? Alleo á que se lle aveciña, Miñato fai os seus primeiros pasos como sancristán.