Miñato busca traballo con desesperación. Amelia, conmovida, non terá mellor idea que propoñelo para o posto de sancristán. Pero don Crisanto non llo vai poñer nada doado ao candidato, ao contrario, farao pasar por todo un calvario en forma de probas e exames cos que Miñato poderá demostrar que está sobradamente preparado ou, máis ben, todo o contrario. Os seus preparadores, máis obrigados que voluntariosos, nesta peculiar oposición serán Josito e Maite.
A que si ten traballo, pero demasiado, é Elsa. Desde que comparte casa con Puri, recaen sobre ela os labores do fogar. Ademais, a pastora terá que facerse cargo, temporalmente, do coidado do xardín. Non tardará moito Puri en arrepentirse de delegar tantas funcións na súa amiga. A aparición dun elegante ramo de rosas, elaborado con flores do seu xardín, adornando a igrexa parroquial farán que a peiteadora se sinta, para comezar, tremendamente celosa.
A partir dese momento, desatarase unha encarnizada competición entre as beatas de Louredo. Quen será a máis mañosa poñéndolle flores á Virxe? Un dilema ao que asistirá o pobre de don Crisanto, mareado con tanta trasfega de floreiros.