Luns de Entroido tamén esta noite no capítulo de “Padre Casares”. A festa vai aumentar aínda máis a constante rivalidade entre Delmiro e don Crisanto, converténdose nun dos clásicos enfrontamentos destas datas en Louredo. Pero este ano teñen o firme propósito de non caer na trampa aínda que iso signifique impedir que o Entroido se celebre.
Pero a guerra de don Crisanto e Delmiro non é a única que se libra estes días en Louredo. A outra enfronta a vila con Silvia, a nova noiva, de carácter peculiar, do seu antigo sancristán. Os veciños están convencidos de que a moza non é boa persoa e, por tanto, non é boa para Santi. O anuncio de voda da parella non fai máis que apremalos no seu empeño de abrirlle os ollos ao ex sancristán.
Disuadir o mozo das súas ideas de casamento convértese en obxectivo prioritario para os de Louredo. E se de palabra non son capaces, os veciños están decididos a aproveitar o Entroido para lograr o seu propósito e impedir que Santi cometa, o que segundo eles pode ser, o erro da súa vida.