A traxedia visitará a parroquia costeira de Santo Antón de Louredo nesta nova entrega de "Padre Casares". Desta volta será Santi, o aproveitado sancristán da igrexa da vila, quen viva unha experiencia que sacudirá a súa vida e que provocará nel unha profunda crise de fe. As mulleres de Louredo, habituais da igrexa, coñecedoras de todos os detalles da vida dos demais e abonadas ao "díxome díxome", non farán esperar a súa reacción: todos os veciños da vila, especialmente as mulleres máis beatas, uniranse para axudar ao sancristán nestes momentos difíciles.