En ausencia de Maite, Elsa fíxose cargo dunha das súas clases de ioga. Pero parece que a pastora non impón tanto respecto ás súas alumnas, que nin se preocupan xa de apagar o móbil antes de comezar os seus exercicios. Que se chamadiñas, que se mensaxiñas e o non parar do toniño do WhatsApp.... Non son o máis apropiado nun suposto ambiente de relaxación. A Elsa non lle quedará máis remedio que requisar os teléfonos das súas alumnas.
Outro que quedará sen móbil temporalmente será don Perfecto. O novo cura viu nas novas tecnoloxías a mellor das axudas para o seu labor pastoral. Axuda espiritual vía chat e consultas por mensaxería son algúns dos adiantos que ofrece aos seus fregueses. A quen non lle fai demasiada graza tanto adianto é a don Crisanto, celoso de que o seu compañeiro de traballo “se lle quede coa clientela”. A solución: quitarlle o móbil tamén.
Pero pronto todos os teléfonos de Louredo volverán estar en posesión dos seus lexítimos propietarios. Ou non? Con tanta trasfega e tendo en conta que algúns veciños dispoñen do mesmo modelo, é posible que algún vaia parar ás mans equivocadas.
A situación derivará pronto nun divertidísimo enredo do que non se salvará nin o mismísimo Perfecto. Todo un culebrón no que non faltará de nada: amor, infidelidade... e ata sexo. Iso si, no formato Louredo. Que é, como todo neste pobo, peculiar.