O eterno aspirante a funcionario no concello de Louredo e man dereita de Delmiro, Josito, verase envolto nunha complicada situación no capítulo de "Padre Casares" que esta noite emite a Televisión de Galicia. Esta será unha das últimas entregas da cuarta temporada, xa que está previsto que o cura máis famoso da televisión goce, a partir de abril, duns meses de merecido descanso.
Desde logo, a Semana Santa non será un tempo de relaxación para o sacerdote de Santo Antón de Louredo, xa que se verá obrigado a lidar un ano máis nun conflito que enfrontará a Elsa e Puri. Porque ás portas desta celebración relixiosa, ambas as dúas pretenden celebrar unha misa en memoria dos seus respectivos pais: a inimizade entre as dúas mulleres terá consecuencias desastrosas para o sempre comprensivo Josito aínda que, nestes momentos difíciles, toda a vila apoiará sen condicións o cuñado do alcalde.