No que vai ser o último capítulo da tempada, a vila enteira de Santo Antonio de Louredo despídese ao grande coa que promete ser a voda do ano, a de Fina e Josito, en que as dúas familias ultiman os preparativos, porque non todos os días casa o cuñado do alcalde e a noticia salta aos medios de comunicación; de feito un fotógrafo rolda a parroquia na procura da primeira foto do futuro matrimonio, pero o certo é que ninguén sabe onde se meteu Josito. E a todo isto sen esquecer a precampaña das eleccións municipais, en que os veciños dan por defenestrado a Delmiro e ven como gañador a Josito, unha situación que espertará o instinto de supervivencia do aínda alcalde, que fará uso de todos os recursos ao seu alcance para manterse á fronte do consistorio.
Namentres, a Josito acumúlaselle o traballo, entre casar e gañar unhas eleccións, se ben don Crisanto se vai encargar de levarlle a súa axenda persoal. Desde Santiago, alleo a todas estas complicacións, Horacio segue, con nostalxia, o anuncio da voda, e pensa no seu futuro.