A vida tranquila de Santo Antonio de Louredo verase alterada esta semana por un fenómeno estraño que lle acontece ao alcalde, Delmiro, quizais a raíz da dor que lle ocasionou a perda do retrato de Mao, e que consiste na visión de quen para o edil máis ateo é o máis semellante a un Deus: Fidel Castro. Como se vivise preso dun delirio, o político atopará o seu ídolo nos lugares máis insospeitados que lle suscitará unha serie de preguntas de resposta difícil, como, que fai en terras louredanas o Comandante? é posible que tamén o vexan outros veciños? ou acaso veu para encargarlle unha misión?
Por unha vez, Delmiro será o veciño con máis fe da vila e non vai ter reparos en relatarlles aos veciños as súas experiencias co líder caribeño, tendo que aturar mofas e burlas daqueles. Pero as tornas van cambiar cando se decate de que detrás da súa admirada figura de Fidel Castro se agochan algunhas mans malintencionadas...
Namentres, e con motivo da chegada do Entroido, os veciños de Louredo e do contorno sacarán ás rúas os seus mellores disfraces, nun escenario perfecto para vingar pequenas rifas sen que se note demasiado...