Unha das tradicións máis veneradas en “Padre Casares”, o salto do porco, volve ser o protagonista indiscutible das novas aventuras de Louredo, que este ano chega coa novidade de non atopar ningunha resistencia, polas ausencias de Horacio e de Maite, e porque Rodrigo non está polo labor de opoñerse aos veciños. Pero o porquiño que pensan lanzar desde o alto do campanario para celebrar as festas patronais resulta ser de raza vietnamita e moi semellante a “Cochinín”, a mascota que axudou a Moncha a superar a morte de Titán, o can, así que a primeira dama de Louredo argallará un plan para salvar a vida do animal.
Pero o porquiño de Louredo terá que competir en protagonismo con outro asunto de índole sentimental, porque cada vez é máis intensa a atracción que senten Lucas, o mordomo, e Amelia, a axudante da reitoral, tanto que ningún dos dous sabe quen dará o primeiro paso para expresar os seus sentimentos; pero a confianza de Amelia desvanécese cando o ve chegar cunha moza moi fermosa...