Os despistes de don Crisanto seguen a provocar inquedanza na vila tranquila de Santo Antonio de Louredo, onde ao comezo dunha misa vai haber un accidente. Ao cura préndeselle a cabeza cun misto co que estaba a acender os cirios, polo que a misa queda posposta e vense na obriga de pechar a igrexa...Pero a cousa non para aí, pois decátanse de que unha das freguesas non quere marchar: trátase de Asunción, unha anciá que acode á igrexa como refuxio pola soidade que sente na súa casa. O feito dá pé para que o cura e a mestra lle falen a Delmiro de intentar crear un servizo de atención e compaña para persoas maiores.