En plenas festas de Nadal, os de Santo Antonio por fin teñen algo que celebrar: a misteriosa doazón ao concello terminou dunha vez por todas coa grave crise, que asfixiaba as arcas municipais. Pero como ben saben os espectadores, o que está detrás de tan nobre xesto non é outro que Don Crisanto, que cedeu un billete de lotaría premiado. Con todo, o alcalde pronto pescudará quen foi o seu aliado na sombra, o cal non sentará moi ben ao orgulloso párroco. A iso sumarase o exceso de atencións coas que o colmarán os veciños que, xunto coa falta de tarefas ás que dedicar o día, farán que Don Crisanto senta que os seus días en Louredo chegaron á súa fin.
Mentres todos ultiman os preparativos para celebrar a chegada do novo ano, por fin Maite e Miñato prepáranse para a súa primeira cita. Tras as idas e vidas da súa relación parece que se achega o gran momento para a parella e os veciños non pensan perder detalle ningún do grande acontecemento do ano...