O Nadal chega á serie "Padre Casares" pero coa forte crise en que se atopa sumida a vila de Louredo, os veciños non están precisamente para celebracións. O alcalde continúa no punto de mira dos medios de comunicación e agora, ademais de cargar coas culpas da gran débeda que acumula o concello, terá que enfrontarse a unha crise moito peor: a do seu matrimonio. Parece que os plans do retorto Benigno por arruinarlle a vida están a dar os seus froitos pero un inesperado aliado podería cambiar as tornas.
Doutro lado, Maite tamén está a pasar por un difícil transo, pois agora que Miñato só ten ollos para a atractiva Paula, comeza a decatarse de que o chapuzas da parroquia quizais sexa para ela moito máis que un amigo.
Con tales ánimos, todo apunta a que a cea de Noiteboa que Amelia pretende celebrar na reitoral non vai contar con moitos convidados. Con todo, Horacio non pensa permitir que os seus fregueses queden sen festexar o Nadal como se merecen, aínda que para iso teña que incumprir algún que outro mandamento.