Moitas cousas cambiaron en Santo Antón de Louredo dende que a serie botou o peche por vacacións, e mentres transcorreu o verán programouse con éxito a reemisión de anteriores entregas que a fixeron ser, unha vez máis, a ficción líder da canle autonómica. Agora, o público galego e os incondicionais da serie contarán con novos capítulos, pois, como na vida real, en Santo Antón de Louredo tamén pasaron cinco meses e os veciños teñen moitas e moi divertidas historias que contar. Algunhas destas innovadoras tramas sorprenderán os seguidores do "PADRE CASARES", como é o caso de Maite, guapa oficial de Louredo e embarazada, alá polo mes de abril; así por fin teremos a oportunidade de coñecer o bebé da funcionaria, aínda que a identidade do pai segue a ser, polo de agora, todo un misterio. Pero, para cousas misteriosas, o futuro de Miñato, porque, malia que pareza incrible, o chapuzas de Louredo atopará a súa media laranxa na nova temporada. Quen, como e cando... xa se saberá.