O capítulo especial de hoxe, "Códice Louredo", supón un avance dalgúns dos acontecementos que se agochan neste novo periplo da historia de Santo Antonio de Louredo.
O capítulo especial contén información exclusiva cargada de documentación aínda nunca vista, que, por primeira vez, amosará aos seguidores da ficción algunhas das secuencias máis rechamantes que están por vir, con novos personaxes, intrigas e misterios, segredos do pasado, regresos inesperados e tristes despedidas.
A entrega de hoxe vai ser dobre, porque antes da emisión do especial "Códice Louredo" a Galega ofrecerá para refrescar a memoria o último capítulo emitido, "Santo Antonio de Louredo vai de voda", en que as familias de Josito e Fina ultiman os preparativos da que promete ser a voda do ano e cando Louredo está en plena campaña de eleccións municipais, que todos dan por gañador o cuñado de Delmiro, ou sexa Josito.
O éxito desta ficción entre o público galego, que leva tres anos de emisión e 114 capítulos estreados, supuxo un récord de audiencia media por capítulo do 36,4%, na súa faixa de emisión do luns á noite.