Baixo o título "O muro das lamentacións", por fin chega, outra vez, a Santo Antonio de Louredo o día do tradicional "salto do porco" e con el a polémica, xa que Horacio, por suposto, lidera o bando dos detractores e intenta convencer os veciños da barbarie que supón lanzar un porco desde o campanario. Pero os seus argumentos non son ben recibidos, nin tampouco os do bispo, que vai chegar de Santiago como convidado especial das festas deste ano para concelebrar a misa do patrón.
Desde o outro bando da parroquia, non están dispostos a pasar un ano máis sen esta tradición e amais contan co apoio do alcalde, Delmiro, que, farto de que os encargados de coidar o cocho non fosen capaces de mantelo a salvo, pensa encargarse persoalmente de custodiar o que xa é o cuarto porco que merca para a festa. Ao mesmo tempo, aproveitando a visita do bispo, Horacio intentará interceder a favor de Mandi para que sexa readmitido no Seminario, aínda que, tendo en conta o carácter complicado do mozo, vaille resultar moito máis difícil do que parece.