Iria regresou a Louredo. Diante dunha botella de licor, repasará con Horacio os momentos máis divertidos vividos na vila. Pero Don Crisanto non tardará moito en romper o encanto do momento, movido pola desconfianza.
Risas frouxas, confidencias.... a velada pasará moi rápido para os mozos e a despedida será máis difícil do previsto. O vello Don Crisanto decátase nun momento: a química entre a parella non desapareceu coa distancia e co tempo. Horacio e Iria parecen máis achegados que nunca e dispostos a gozar ao máximo o reencontro.
Os contos na vila non tardarán en xurdir. Cal é o motivo que trouxo á mestra de volta a Louredo? Por que agora, cando Horacio Casares vive a súa peculiar excedencia sacerdotal? Maite, amiga íntima de Iria, intentará tirarlle da lingua á moza sobre os seus sentimentos. Chegou o momento de que a parella fale, dunha vez por todas, dos seus sentimentos e o seu futuro, xa sexa xuntos ou por separado. O corazón de Horacio está patas arriba, o caos apoderouse da súa alma....