As mulleres de Louredo están obsesionadas con Álvaro, o novo empregado de Puri. E, como non podía ser doutra maneira, a obsesión delas convértese na preocupación deles. Os homes da vila, que se senten desatendidos polas súas esposas, e ven manchada a súa masculinidade. Nin un poría agora mesmo a man no lume pola súa señora... salvo Delmiro, convencido de que o seu Moncha profésalle unha sincera devoción.
O que non imaxina e alcalde é que, precisamente ela, é a culpable da presenza do ‘chuliboy’ na vila. Todo se debe a un plan urdido pola alcaldesa consorte para vingarse de Puri. Álvaro é un topo.
Con todo, a relación entre o masaxista e Moncha parecerá de todo menos laboral pois, ansiosos por ocultar o seu plan, provocarán unha serie de situacións que levarán os que os rodean, e en especial a Delmiro, a pensar mal. E, para a cousa de pensar mal, os veciños de Louredo non teñen rival.
Neste clima de tensión, os homes da vila decidirán organizarse para desfacerse de Álvaro e así recuperar a normalidade. Pero o masaxista non será rival fácil e o devir dos feitos pronto constatará que tampouco é trigo limpo.
Mentres tanto, a desaparición de Amelia obrigará a Rodrigo a facerse cargo das tarefas domésticas que, contra todo prognóstico, daránselle de marabilla. É máis, resultaranlle tan entretidas que acabará por desatender as súas obrigacións parroquiais.
E con tantos entretementos na vila, só Maite se preocupará polo paradoiro de Amelia, desaparecida desde que deixou a casa reitoral. Buscará a axuda dos curas e do alcalde. Se Amelia non volve, Louredo terá só 999 habitantes e perderá a súa condición de concello.