No capítulo de hoxe, Don Crisanto sufriu un atropelo. Inconsciente, debátese entre a vida e a morte. Ninguén en Santo Antonio de Louredo sabe do accidente do ancián. Será Amelia quen, tras sentir un forte presentimento, mobilice os seus veciños en busca do sacerdote.
Pero estamos en Louredo, e nesta vila, ata os atropelos e as experiencias próximas á morte son, cando menos, peculiares. Crisanto iniciará unha viaxe polo seu limbo particular, con Santo Antonio como cicerone. O santo faralle unha oferta difícil de rexeitar: saber que sería da súa vida se non seguise a súa vocación sacerdotal. Toda unha odisea en que o ancián pasará por varios matrimonios, traballos variados, situacións socioeconómicas moi dispares e ata será pai... para ben e para mal.
Alleo á situación do seu amigo e compañeiro, Rodrigo parece vivir só por e para o suplicio de Lidia. A taberneira, que deixou a hostalaría para dedicarse de maneira total á casa reitoral, empeza a acusar as estrañas teimas do seu xefe.