Os homes de Louredo marcáronse un novo reto: descubrir cal é o mellor traseiro da vila. Miñato está empeñado en que as de Maite son as mellores pousadeiras de Louredo, Buña, Ferráns e Ares; pero Delmiro, influído polo seu amor a Moncha, difire do seu veciño e asegura que, nisto dos pompis, hai matices; Porque o alcalde sabe que un bo par de pousadeiras teñen máis mérito a certa idade e que non só o tamaño é importante, pois certos detalles e imperfeccións só se detectan tras unha observación exhaustiva.
Para facilitar o seu estudio, ao primeiro edil non se lle ocorrerá nada mellor que regalarlles unhas barras de exercicios ás usuarias do centro social. O uso destes aparellos ximnásticos propiciará entre as femias a práctica de certas posturas, que lle permitirán unha mellor observación das súas partes traseiras. Aos poucos, as clases de Maite atraerán a máis público masculino que, con ollos larpeiros, debaterán sobre tan espiñento asunto. A cousa complicarase cando as mulleres descubran o plan de Delmiro e lle monten a maior revolución feminina vivida xamais na vila.
Pola súa parte, Santi, alleo á nova diversión dos seus veciños, reflexiona sobre a posibilidade de ingresar no Seminario Maior. Para que o mozo conte con todo o apoio posible, Horacio decidiu compartir o seu segredo con Amelia e don Crisanto, a cambio dun pouco de discreción. O que parece ter esquecido o sacerdote é que a discreción non é unha virtude que abonde en Louredo. Pero Santi, antes de tomar a decisión, deberá estar "de prácticas" con Horacio. Para empezar, toca visita a la eterna, unha veciña enferma da parroquia que leva toda a vida anunciando a súa morte próxima... aínda que nunca acaba de morrer.