As festas do Nadal tamén se celebran en Louredo, pero as vidas dos seus veciños continúan coa rutina e co fío dos últimos acontecementos. Neste capítulo de “Padre Casares”, e despois de moita indecisión e unha chea de obstáculos de todo tipo, parece que por fin a relación entre Urbano e Sabela chegará a bo porto. Atrás quedan os celos da moza tras un amañado bico entre o policía e unha actriz vida a menos. Pero este bico non só lle trouxo problemas á parella, xa que don Crisanto, testemuña de excepción de tal acontecemento, continúa intrigado e que saber o motivo que oculta Sabela e que debería xustificar o seu estraño comportamento. E en Louredo, se queres que un segredo saia á luz, nada mellor que meter a Miñato na lea.
Fan das novas tecnoloxías, o plan de Miñato é sinxelo: instalar unha cámara na reitoral para gravar as declaracións aclaratorias da moza. Pero, para a súa desgraza, a cámara grava algo ben distinto que terá algo que ver con don Rodrigo, o baile e a escaseza de roupa. Consecuencias? Miñato ve un claro negocio e non tardará en facer copias e intentar vendelas entre os veciños. Co que non conta o chapuzas é con que don Crisanto o vai descubrir e o vello párroco non está disposto a consentir iso polo que a batalla entre os dous está servida.
Por outro lado, alleos á polémica, Urbano e Sabela retoman a súa relación, pero como toda relación en Louredo, está condenada a sufrir miles de complicacións. Desde a baixa autoestima de Urbano, as reticencias propias dunha persoa tan peculiar como Sabela, pasando polas propias circunstancias de Louredo e acabando pola alargada sombra de don Crisanto, cuxa ameaza é clara: que pasará se descobre que Sabela é a sobriña do señor bispo fuxida do convento?