Como é un día na vida dun heroe? Esta é unha das preguntas que circulará pola vila de Santo Antonio de Louredo, a partir de que Miñato se converte en todo un heroe de recoñecida fama e popularidade pola súa acción de defensa do cáliz e de D. Crisanto fronte aos ladróns...pero, canto pode durar unha mentira? Namentres se solucionan as intrigas, os veciños acicálanse para o gran día en que van participar na gravación dun documental centrado na vida do, noutra hora, “chapuzas de Louredo”, onde todos poderán expresar a súa opinión sobre que é un heroe e como sería un día na súa vida, contándolle ao mundo as mil e unha bondades do seu “Sonnycroket” particular.
Pero, na outra cara da moeda do éxito atópase Urbano, agora ex axente de policía, quen realmente salvou a D. Crisanto dos malvados; apartado do único que lle daba sentido á súa vida, intenta alertar a vila de que os ladróns poden volver para roubar o cáliz, pero como todos están pendentes de adular o novo heroe, ninguén lle vai prestar atención...ata que Miñato, máis por aclamación veciñal que por propia vontade, verase obrigado a custodiar o cáliz para seguir amosando a súa valentía, se non quere perder o título oficial de heroe, momento que será unha nova oportunidade para que Urbano saia do anonimato.