No capítulo desta noite de “Padre Casares”, os veciños de Santo Antonio de Louredo enfróntanse a dous grandes retos esta semana. Por un lado, gardar un segredo; e por outro, deberán convencer a don Crisanto, o teimudo máis famoso da vila, de que pase polo quirófano. E a razón para ambas as cousas é a mesma: o corpo estraño descuberto no cerebro do ancián pode ser perigoso e urxe extirpalo.
Pero é dabondo sabido que aos habitantes de Louredo nada se lles dá mellor que o ruxerruxe, polo que é pouco probable que cheguen a cumprir coa primeira parte do reto... E como a don Crisanto basta con suxerirlle algo, para que faga todo o contrario, a cousa complicarase ata límites insospeitados.
Amelia, a asistenta da casa reitoral, vive con angustia a doenza do ancián. Desesperada, acudirá a Delmiro, a única persoa capaz de lograr unha reacción no sacerdote. Don Crisanto ten que admitir a súa enfermidade e operarse, para ter algunha posibilidade de saír adiante.
Mentres, as beatas do pobo buscarán o agasallo perfecto para o seu párroco emérito... algo que demostre o gran aprecio que lle teñen. Pero a súa boa vontade pronto se tornará en discusión, e as discusións, en Santo Antonio de Louredo, xa se saben como se solucionan...
Pola súa banda, Miñato, falto de diñeiro e nun intento por sacar algo de partido á situación, improvisará un negocio de apostas. Aínda que quizais as súas primeiras propostas para xogar non sexan do gusto dos seus veciños.