Xa queda pouco para a celebración do terceiro centenario da parroquia de Santo Antonio de Louredo. O padre Casares afánase na posta a punto do templo parroquial. Que mellor ocasión para proceder á restauración das sedes presidenciais? Maite será a encargada da posta a punto dos rexios asentos, e Miñato farase cargo do transporte das tallas ata o centro social.
Pero o chapuzas oficial de Louredo será sorprendido na súa tarefa por don Crisanto, que o tomará por un ladrón. A liorta saldarase cunha escordadura para don Crisanto e a rotura dunha das tallas. O arranxo dos estragos propiciará un descubrimento inquietante por parte de Maite: As sedes presidenciais proceden dun roubo, probablemente perpetrado polo pai de Delmiro, actual alcalde de Louredo. O escándalo está servido.
Para rematar a semana, todo isto coincidirá coa chegada a Louredo de Laura, a ex moza de don Horacio. Unha fermosa moza con quen saíu sendo moi novo, antes de descubrir a súa vocación sacerdotal. Laura garda un sorprendente parecido con Iria, a profesora de Louredo. O motivo da súa visita dará tanto de que falar como o seu aspecto: Quere que Horacio oficie a súa voda. Seu mozo é un médico cooperante, que acaba de regresar de Ruanda. Demasiadas coincidencias...