Horacio Casares e a súa ex moza, Laura, teñen un accidente na curva do inglés. É a estrada que une Louredo con Ferráns e que, ultimamente, tiña moi preocupado a Josito, o cuñado do alcalde. A propiedade da vía é motivo de enfrontamento entre ambos os dous concellos desde tempos inmemoriais. Recentemente, Delmiro optara por solucionar a cuestión, movendo o cartel que dá a benvida a Santo Antonio de Louredo. Declarada así a soberanía sobre o asfalto, só Josito podía agardar algún contratempo. O que descoñecía o alcalde era que as novas coordenadas situaban o sinal no medio da calzada.
Toda a localidade se volverá en contra do alcalde cando descubra que, pola súa culpa, Horacio e Laura están no hospital. Tampouco axudará moito a Delmiro, o seguir coa teima de denunciar a parroquia ante a Axencia de Protección de Datos, por colgar as amoestacións matrimoniais de Laura á porta da igrexa. O alcalde sumará detractores, ata que a situación se volva insostible.
Tampouco haberá tranquilidade na casa parroquial. Con Don Crisanto e Horacio de baixa, a Amelia xúntaselle o traballo, e, aínda que o padre Casares é moi paciente, ese non é o caso de Don Crisanto. Na súa convalecencia, Casares intentará dilucidar se debe ou non acceder á petición de Laura e ser el quen oficie a voda da súa ex moza.