A disputa salta porque os habitantes de Dorneda nunca deron ningún tipo de credibilidade á historia do barco fundido nas súas augas, e moito menos que este tivese unha fortuna oculta. Ningún da vila o cría, excepto Manuel, un veciño ao que moitos daban por tolo. Pero todo cambia. Os cazatesouros chegan a Dorneda e poñen os seus veciños en pé de guerra, xa que consideran que, se efectivamente hai un botín que levar, este debe ser para Dorneda e non para ninguén de fóra. “Viradeira” toma o seu nome do prato co que se lle dá a volta á tortilla e, de feito, a comida terá moita importancia nesta comedia, xa que parte da acción transcorrerá nunha cociña, a do restaurante da protagonista: Casa Carmela, un mesón onde se come moi ben e onde se cociñarán as mellores historias dos seus protagonistas.
A busca do Augusta segue o seu curso. Mentres os tripulantes do Medusa comezan unha colaboración cun grupo de investigación da universidade, que lles permita chegar antes os restos do barco, a tripulación do Arredemo opta por métodos máis tradicionais como o do chivo expiatorio. E é que o Chino teno claro: se cada vez que saen ao mar algo se torce, é porque Muxo ten gafe, así que a solución é botalo do barco. O problema é que Muxo, á parte de ser un home que sabe demasiado da vida dos demais, ten recursos ilimitados. Alleo a todo isto, Héctor vive impresionado pola comida de Carmela e cre que debe dala a coñecer máis alá das fronteiras de Dorneda, para o que convidará á vila a Pedro, un crítico gastronómico amigo seu, coa intención de darlle unha sorpresa á cociñeira. Na casa de Charo, a adaptación ao “Dorneda way of life” de Héctor e Lupe semella que non vai por bo camiño. A insitencia da caseira por coidar en extremo os seus hóspedes non parece encaixar nos usos e costumes dos foráneos. Se antes eran os almorzos, agora son os xanteres, eses que Charo prepara con tanto esmero e que os dous cazatesouros, por cuestións de axenda, non adoitan nin probar. Aínda así, aos acabados de chegar a Dorneda, non todo o mundo os odia. En especial a Héctor, a quen lle saíu un nutrido grupo de admiradoras. A vila enteira, que semella que non ten nada mellor que facer, fai quinielas sobre a vida amorosa do científico: que se está solteiro, que se ten algo con Carmela, que se Toño o cociñeiro se celou del... Se a Carmela lle interesa de verdade, vai ter que espelir, xa que a súa amiga Maca podería tomarlle a dianteira.
O pacto secreto entre Manel e Encarna parece que comeza a dar os seus froitos. A empresaria dotou o Arredemo da última tecnoloxía e o barco de Manel axiña deu co que podería ser o primeiro grande achado desta carreira. Pero nada neste mundo sae de balde e menos aínda se Encarna ten algo que ver. Se nun prazo de seis meses non aparece o Augusta ou o mariñeiro devolve os cartos investidos, o mesón que rexenta Carmela pasará a mans da muller máis poderosa de Dorneda.
A batalla para facerse co tesouro do Augusta púxose seria. A chegada de Diana a Dorneda non trae nada bo para os seus habitantes. Por unha parte, enrarece a relación entre Héctor e Carmela e, pola outra, pode acabar con Manel, Chino, Alfredo e Muxo entre reixas. Porque a directora da Fundación Lagares non chegou soa. Con ela apareceu a mesmísima Garda Civil. E é que Encarna, a pouco discreta ladroa do canón do Augusta, cometeu a insensatez de pór á venda a peza en Internet. Nun último intento por solucionar as cousas de maneira pacífica, Héctor acudirá a Roxelio, o alcalde da vila. Ao alcalde non lle quedará máis remedio que pór fin ás súas “vacacións” para solucionar o asunto. Pero calquera remedio chegará tarde para Manel, o pescador que, tras corenta anos de procura, viu como lle rouban o froito do seu traballo. Mentres tanto, Manel sabe que Encarna lles roubou o canón do Augusta e Chino, Alfredo e Muxo non tardan moito en descubrilo. E é que a armadora non foi demasiado discreta: púxoo á venda por Internet. O que supón tamén a pinga que colma o vaso da paciencia de Diana, quen non dubida en chamar á Garda Civil. Pola súa parte, Lupe é demasiado moderna para Dorneda e, en especial, para Charo, que non ve con bos ollos que se deite cada día cun home distinto. Algo parecido lle pasa a Alfredo con Chino, quen, para evitar que se siga deitando cunha muller casada, converte a súa romántica cea de aniversario con Patri nunha cea de parellas en que intentará enlear a Chino con Maca e, aínda por riba, meterse no almacén de Encarna e recuperar o canón do Augusta. O que non saben é que, se os descobren con el, acabarán presos. E o único home que pode salvalos, Rogelio, está farto de ser ninguneado e pediu uns días de vacacións.
A procura do Augusta continúa en “Viradeira” e, por primeira vez, Héctor e Manel van xuntar forzas, xa que a chegada dun cazatesouros internacional ameaza as aspiracións de ambos os dous. Organizados por quendas, eles e as súas tripulacións velarán pola seguridade do pecio. Se “o Americano” rouba algo, rapidamente avisarán as autoridades. Pero hai un detalla en que ningún dos dous reparou e que podería poñer en perigo a operación: Muxo, Alfredo e Chino non son moi dados a colaborar coa Garda Civil, eles son máis de arranxar as cousas por si mesmos. Mentres, na casa de Charo, unha avaría no quentador da auga fará que Lupe descubra a nobre e difícil arte de lavarse “por parroquias”. A madrileña ofrecerase a arranxar o aparato, pero a súa caseira parece ter xa un fontaneiro de man, nada menos que Alfredo. Pola súa parte, Diana, a directora da Fundación Lagares, pouco a pouco estase a percatar da estreita relación e a gran complicidade xurdida entre Carmela e Héctor. Como reaccionará a avogada? Allea a estas historias, Encarna, a muller máis poderosa de Dorneda, está empecinada en construír un almacén nun terreo para o que non ten licenza. Roxelio, o alcalde, explicaralle, unha vez máis e plan de ordenación en man, que ese permiso nunca será expedido. Pero tendo a Muxo como tío, as cousas para o edil máis honrado de Galicia poderían complicarse.
Tras unha noite de festa, Carmela esperta, xunto a Patri e Maca, sen móbil, sen suxeitador e sen memoria. As suposicións sobre o que ocorreu esa noite desátanse, sobre todo cando descobren que Héctor e Toño tamén estiveron na festa. Por outro lado, os tripulantes do Arredemo atoparon unha gran masa de metal, pero está enterrada baixo o lodo e non poden acceder a ela. Coñecedor dos métodos dos veciños de Dorneda, Héctor advírtelles de que non fagan ningunha bobada; el xa pediu un equipo especializado para pescudar que hai debaixo.
Dorneda está envolvida pola maxia do Nadal e, como cada ano, Roxelio prepara a súa tradicional mensaxe, desexando felices festas a todos os habitantes da vila. Para iso, conta coa inestimable axuda da súa nai, Lucita, coa que realiza un exhaustivo repaso das particularidades da vila e, en especial, dos seus habitantes. Pero non todos os veciños parecen igual de emocionados ante a chegada da Noiteboa. É o caso dos “trangalleiros” que, indignados pola inexistencia en Dorneda dunha árbore de Nadal á altura das súas expectativas, deciden tomar o touro polos cornos e encargarse, eles mesmos, de conseguir o exemplar máis grande e impresionante que xamais coñecesen os seus fregueses. Con este ritual, recae neles una das tradicións máis antigas da vila. Como non podía ser doutra maneira, Héctor non dubida nin un segundo en poñerse ao servizo dos seus adversarios no mar para, nesta ocasión, unirse nun fin común. Pero o visitante máis inxenuo aparecido xamais en Dorneda leva unha desagradable sorpresa. Para cumprir coa tradición e converterse no heroe do Nadal en Dorneda, Héctor non sabe que debe penetrar nos conflitivos montes de Serramoura, onde os veciños non son tan hospitalarios... Mentres tanto, en casa de Charo, prepárase a primeira cea de Noiteboa en anos, pois desde que perdeu o seu fillo no mar, a caseira de Lupe e Héctor non tivo ánimo para celebracións. Pero este ano as cousas poderían cambiar, se Lupe non se empeña en amolarlle o espírito do Nadal.
Dorneda é unha vila de tradicións e cando se achegan as festas xoga un partido de fútbol contra Cormelle, aínda que o verdadeiramente tradicional é a derrota por goleada que o equipo da vila sofre cada ano. Quizais este ano a presenza de Héctor na portería e o plan de Alfredo para intimidar a estrela do equipo rival consigan cambiar a historia. Con todo, cando Muxo bota man de Macario, o ex-presidiario local, para levar a cabo o plan, todos saben que non vai resultar como esperaban. Mentres, tras perder o mesón e o agarimo da súa filla, Manel está desfeito, ata o punto de abandonar a procura do Augusta. No mesón, Encarna promételle a Carmela que todo seguirá igual, con todo, axiña chegan cambios que ameazan a continuidade de Perico, Toño e a propia Carmela nas cociñas. O que leva a Carmela a reunirse co seu antigo amor. Ademais, Charo e Lucita andan ás voltas coa figura da Nosa Señora A Virxe da Peregrina, que se lle toca quedar con ela a unha ou á outra. Ao final Lupe ten que intermediar e, como adoita dicirse, ás veces é peor o remedio cá enfermidade, xa que non lle prestará todo o coidado e atención que Nosa Señora precisa.
As festas de Dorneda están a piques de comezar en “Viradeira”. Grazas aos esforzos de Roxelio será unha celebración austera, pero non faltarán nin a música nin a comida. A tradicional merenda popular, que sempre preparaba Carmela no mesón, convértese ademais nunha competición; por unha banda, Encarna encárgalle a Toño preparar un suculento menú a base de navallas e centolas e, por outro, Carmela cociñará algo máis humilde: mexillóns. Aínda que para conseguilos terá que recorrer a Alfredo e Chinés, o que non augura nada bo.
A procura do Augusta continúa en “Viradeira” e agora Manel, Muxo, Chino e Alfredo teñen unha pista que seguir: atoparon a tumba de Adam Finn, o único sobrevivente do naufraxio. Non tardarán moito en profanar o sepulcro en busca, principalmente, dalgún tesouro e, se non, de calquera pista que os poida levar ao barco co que todos soñan. Entre os osos do defunto atoparán un cofre e dentro algo que podería chegar a cambiar as súas vidas.
Héctor e un equipo de arqueólogos estudan a tumba de Adam Finn, o único sobrevivente do naufraxio, en busca dalgunha pista que lles achegue ao pecio. Non tardarán moito en atopar unha nova pista, algo que podería conducilos directamente ao barco dos seus soños. Pero Héctor e a súa xente, ademais de loitar contra o implacable paso dos séculos e o peso da historia, deben lidar cos “trangalleiros”, que agora mesmo lles levan vantaxe na carreira e que saben exactamente onde deben buscar a seguinte peza do crebacabezas: na casa de Tono, único descendente de Finn en Dorneda. O problema é que Toño decidiu abandonar a localidade en busca de novas oportunidades profesionais. Pero non sen antes axudar a súa adorada Carmela a buscar o seu propio substituto, sobre todo tras o anuncio de que o mesmísimo presidente da Xunta visitará en breve Dorneda. Alleo a todo isto, Héctor comeza a preocuparse pola actitude de Manel, quen non só podería estar ocultándolle información, senón que podería estarlle mentindo, algo que molesta especialmente o arqueólogo, pois trátase do pai de Carmela, con quen agora mantén unha relación sentimental. Mentres, Tito instalouse na pensión de Charo, pero, aínda que está moi satisfeito co seu novo aloxamento, o camareiro de Casa Carmela non acaba de entender as continuas atencións da súa caseira. Estaráselle insinuando?
O mesón de Carmela segue a ser o lugar de referencia para comer ben en Dorneda, pero esa fama non se reflicte na caixa rexistradora do local, porque os beneficios do negocio só chegan para facerlle fronte ás facturas. Agora que Toño é socio de Carmela, non lles quedará máis remedio que pedir axuda para poñer as contas en orde. Os veciños de Dorneda prepáranse para o concurso anual de tortillas. Chegou o momento de sacar as viradeiras das lacenas e poñelas en acción. Pero a tensión centrarase, coma cada ano, en dúas participantes lendarias: Lucita e Charo.
Héctor e Lupe organizan unha xornada de portas abertas no Medusa para que os veciños de Dorneda poidan coñecer mellor o seu traballo, pero a cousa non podía rematar da peor forma. Durante a viaxe de Charo e Lucita, perden o control do Medusa e chocan contra o Arredemo, inutilizando os dous barcos. Roxelio trata de atopar unha solución para que o Medusa siga navegando e suxírelle a Héctor atopar un mecenas que se faga cargo do amaño do barco de investigación. Por sorte, atopan o candidato perfecto: un emigrante retornado podre de cartos. Despois de concertar unha cita, o que Roxelio e Héctor non sospeitan é que alguén se lles pode adiantar. Pola súa parte, canso das mentiras de Patri, Alfredo ten a proba irrefutable de que a súa muller ten un amante. Será quen de preguntarlle a Patri pola existencia doutro home ou preferirá gardar a información?
Héctor terá que enfrontarse a unha das situacións máis complicadas da súa vida no capítulo desta noite de “Viradeira”, xa que sufrirá un secuestro a mans dos propietarios do fardo de droga que Alfredo, Muxo, Tito e Manel atoparon no mar. Desde a súa entrada no cárcere, Macario, o home máis temido de Dorneda, tivo moi claro o que faría nada máis abandonar o penal: ir visitar os seus “amigos” os “trangalleiros”. E é que o matón ten unha mensaxe que darlles: se non devolven os cartos da droga perdida, a vida de Héctor podería correr perigo.
O roubo do canón de Manel revoluciona a vida dos veciños de Dorneda. Carmela recibe o convite para asistir á voda duns amigos, un enlace ao que tamén está convidado o seu ex.