Doce parellas, doce compromisos e, sobre todo, doce historias de amor, cada unha con situacións e conflitos particulares, puideron vivirse e verse no programa "Casamos! A Historia de Amor de...", que cada domingo achegou a un dos actos familiares privados con maior repercusión no apartado social, as vodas, e das que hoxe recupera os mellores momentos, os doces e os amargos, os ácidos, salgados e ata picantes, que tamén os houbo. Nesta última edición, o docusoap ofrecerá os instantes vividos con maior intensidade ao longo da temporada, grazas ás ducias de persoas que compartiron cos espectadores os seus días e vivencias abríndonos as portas das súas casas e tamén das súas vidas íntimas. Así, o espectador puido coñecer de forma contrastada, mediante entrevistas aos noivos, ás familias e amigos, as historias destas parellas que, a pesar dos problemas e conflitos de diversa índole polos que atravesaron, a maioría delas culminaron en voda.