Home / Series / Os castros / Aired Order /

All Seasons

Season 1

  • S01E01 O descubrimento

    • October 25, 2020

    Este episodio explicará cando e como se comezan a descubrir e a interpretar dun xeito científico os primeiros castros e, para entender mellor o que significou a aparición da cultura castrexa, farase unha breve referencia a como era a Galicia anterior aos castros.

  • S01E02 A arquitectura

    • November 4, 2020

    Nesta ocasión, o programa achegarase desde o castro de Baroña, un dos máis emblemáticos de Galicia, ao máis visible da cultura castrexa: a súa arquitectura, a resposta que aquela sociedade lle deu á necesidade de facer habitable o territorio cos coñecementos e tecnoloxías dispoñibles naquel momento. Así, os espectadores coñecerán os factores de localización dun castro, o seu proceso de construción, como era a casa castrexa, como se organizaban os espazos comúns e cales son as principais diferenzas entre os distintos castros. Ademais, a presentadora lanzará distintas preguntas que irán tendo resposta ao longo do programa: por que están os castros emprazados en outeiros? De quen os defendían as súas murallas? Por que a maioría das construcións eran redondeadas? Que lóxica seguían para distribuír as casas dentro do castro? Existe algunha relación entre a casa castrexa e a palloza?

  • S01E03 A sociedade

    • November 11, 2020

    A parada desta semana será no castro de Borneiro, onde se tratará coñecer como era a familia castrexa e como vivían e se organizaban socialmente os veciños. Como era a vida naquela época? Como se organizaban socialmente? É certo que guerreaban moito? Eran todos iguais ou xa había diferenzas de clase? Estas e outras preguntas atoparán resposta esta noite en ‘Os Castros’. O que deixou escrito Estrabón no século IV despois de Cristo sobre as xentes do noroeste peninsular foi, ao longo de moitos séculos, a única base para coñecer o funcionamento da sociedade castrexa. Os espectadores poderanse achegar hoxe ás súas condicións de vida, á súa organización familiar e á súa relación con outras culturas. Tamén saberán se eran libres ou escravos, se a castrexa era unha sociedade primitiva e quen mandaba nun castro.

  • S01E04 A economía

    • November 18, 2020

    Nesta ocasión, o programa tratará de saber de que vivían os castrexos, como era a súa economía, que papel tiñan a agricultura, a gandaría e a pesca e tamén a minería, a metalurxia e o ouro. Outros aspectos que se abordarán serán a tecnoloxía castrexa, o uso do bosque, o comercio nos castros e o ouro e as xoias desta época. Ademais, como é habitual, a presentadora lanzará varias preguntas, nesta ocasión desde o castro de Castromao, que se irán contestando ao longo do programa. Era a súa economía de mera supervivencia? Coñecían o diñeiro? A terra era comunal ou xa había propiedade privada?

  • S01E05 A cultura

    • November 25, 2020

    Toda forma de vida, coa súa economía, xera unha cultura, unha forma de estar no mundo e de entendelo. Nesta entrega achegarase á cultura castrexa, que algúns autores definiron como unha cultura atlántica. Desde o castro de Santa Trega, enriba da desembocadura do Miño no Atlántico. Pola súa localización estratéxica, polo seu tamaño e polos restos materiais que se atoparon nas escavacións, é evidente que este castro foi un enclave económico e cultural moi relevante. Por el pasaban as rutas do comercio marítimo co Mediterráneo e, acompañando aquel intercambio comercial, producíase unha trasfega de ideas e achegas coas que se foi enriquecendo a cultura castrexa, sen facerlle perder nunca a súa orixinalidade en ningunha das súas expresións artísticas, como a escultura, a cerámica e a ourivería. Era a castrexa unha cultura celta? Que valor lle daban os castrexos á arte? Que significaban os torques ou as estatuas de guerreiros? Queda algo en nós da cultura castrexa?

  • S01E06 A romanización

    • December 2, 2020

    Abordarase o fin da cultura castrexa, o momento en que foron conquistados e comezou a romanización da Gallaecia. Alba Mancebo saudará os espectadores desde o castro lucense de Viladonga, construído cando os romanos levaban 300 anos en Galicia, que é un caso excepcional pola súa ocupación tan tardía e porque serve moi ben para amosar o que querían os romanos dos castrexos. Que significou para a cultura castrexa a conquista romana da Gallaecia? É verdade que os castrexos foron derrotados nunha gran batalla? Unha vez conquistados, foron escravizados ou colaboraron cos romanos? Canto tardaron en abandonar os castros? Estas e outras preguntas atoparán resposta no programa desta noite, que explicará como eran antes as relacións con Roma, cales foron as razóns da conquista e a súa cronoloxía, como foi a adaptación dos castrexos, cales eran as estruturas romanas do Estado, como funcionaban os castros romanizados e como se produciu o seu abandono e a morte da cultura castrexa.

  • S01E07 Doce castros galaicos

    • December 9, 2020

    O derradeiro capítulo estará dedicado a contemplar e tratar de entender o imprescindible dos castros galaicos máis significativos e singulares da cultura castrexa. A primeira ocupación dos castros galegos hai que situala entre os séculos IX e VIII antes de Cristo. Eses castros máis antigos eran polo xeral pequenos e estaban emprazados en outeiros. Pero a maioría dos castros escavados hoxe en Galicia, sobre todo os máis grandes, son de épocas máis tardías. Foron construídos en pleno florecemento da cultura castrexa, nos cinco séculos anteriores ao cambio de era e nalgún caso mesmo despois. Isto fai que sexan todos tan singulares e únicos. Para comprobar todos estes detalles, achegarase hoxe a Baroña (Porto do Son), Borneiro (Cabana de Bergantiños), Elviña (A Coruña), Viladonga (Castro de Rei), Cervantes, Castromaior (Portomarín), San Cibrao de Las (Punxín e San Amaro), Castromao (Celanova), Saceda (Cualedro), Santa Trega (A Guarda), Troña (Ponteareas) e Facho de Donón (Cangas).